Mostrando entradas con la etiqueta dvd. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta dvd. Mostrar todas las entradas

jueves, 22 de octubre de 2009

Shin Chan, salvador do mundo!


O último título en galego de Shin Chan, a serie de animación infantil que protagoniza o rebuldeiro Shinnosuke, estará á venda a partir de outubro nas principais cadeas comerciais de Galicia. Grazas á colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, os nenos e nenas galegos poderán gozar dunha nova aventura da familia Nohara en galego, lingua na que se popularizou esta exitosa serie infantil na comunidade. O DVD, que se distribuirá en todo o territorio español, ofrece, ademais da galega, unha versión en castelán, en catalán e en éuscaro.

Salvagardar o mundo do ataque dos monstros
Neste novo título, “Shin Chan, 3 minutos para salvar o mundo”, o pequeno fervellasverzas terá que enfrontarse a numerosos monstros que intentarán ameazar o equilibrio do planeta. O ataque destes monstros espertará a sede de xustiza de Shinnosuke e a súa familia, que intentarán devolver o mundo á normalidade. Para conseguir superar a proba con éxito, Shin Chan, acompañado polos seus amigos, emulará os seus heroes preferidos: o Porquiño Pirata, Ultraheroe e mais Súper-Robot.

Unha aposta pola dobraxe e a oferta de lecer infantil en galego
O vindeiro mes de novembro está previsto que vexa a luz o DVD co novo título en galego da serie infantil Doraemon. Recentemente, o departamento da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que dirixe Anxo Lorenzo tamén facilitou a dobraxe ao galego dos títulos “Doraemon. Odisea no espazo” e mais “Shin Chan. A guerra dos balnearios”, que saíron á venda o pasado mes de xuño.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística promove estas dobraxes ao galego co obxectivo de contribuír a ampliar a oferta no idioma propio dos produtos de lecer de maior éxito no mercado. A oferta de filmes en lingua galega pode consultarse na web en www.xunta.es/linguagalega/cine_en_galego.